Tuesday, April 22, 2008

Ensalada supersticiosa

Hoxe traio algo fresquiño, recén saído do forno das conversas multicontinentais que se dan no comedor de cando en cando. Nunha arrouta matinal, decidín adicar un dos meus derradeiros encontros cos churumbeles a falarlles da noite de San Xoán e a infinidade de tradicións, supersticións e ritos que se fan posibles nesa noite. "Como é que os curas permiten semellantes prácticas pagás?". Non daban creto. E menos aínda cando descubriron que tanto as rapazas finesas como as galegas poden poñer flores baixo a almofada pra saber dos seus futuros mozos. Ou dos poderes da cacharela pra traerlle fortuna, curación ou agoiros amorosos a quen chouta por riba dela (e boa colleita!!). Ao final, a metade dos churumbeles protestaban por vivir nun país tan puritano, que fixo por eliminar toda traza de maxia e misterio. Coitadiños!

O mellor de todo é que o tema das supersticións abrollou na cea coincidindo na mesa con xente de Ghana, Xamaica, Rusia e India. Déixovos aquí as leccións do día:

Ghana
- Varrer o chan polas noites trae mala sorte
(tamén en Xamaica)
- Se lle cascas a alguén co pau dunha vasoira non poderá ter fillos
- Se camiñando pola rúa alguén se cruza accidentalmente entre tí e o teu acompañante, a persoa que se mete no medio ten que desfacer o camiño de cóstas, dar un feixe de voltas derredor voso e proseguir o camiño

Xamaica
- Se varres a túa casa cunha vasoira emprestada traerás a ela os infortunios de quen cha emprestou.
- Se lle das pataca doce (boniato) a un home causaraslle impotencia.
- Na noite, se oes chamar por tí, NON contestes (ou cando menos agarda a comprobar que é unha persoa real)
- Se ves abellas fóra do seu hábitat habitual significa que veñen cartos.

India
- Se un gato se cruza no teu camiño, tes que volver cara atrás até chegar a un xiro na rúa.
- Ao bostezar tes que chiscar dúas veces os dedos fronte a túa boca pra evitar que che entren espíritus.

Rusia
- Se os teus convidados che fregan os pratos non terás cartos en moito tempo.
- Para ter boa sorte nunha viaxe, tes que acougar cinco minutos sentado na túa casa xusto antes de saír.
- Quen sente nun canto da mesa non ha casar.
- Cando prendes un cigarro cunha vela morre un mariñeiro (soavos de algo?)

(continuará....)

PD: Moito ten pasado pola Boleira recentemente, bó e non tan bó. Cada día falta menos pra miña partida dos Lluesei e podo declarar sen dúbida algunha que o meu propósito de manter este recuncho actualizado foi un rotundo fracaso. A aqueles que se pasaron repetidas veces pra saber da miña supervivencia, mil perdóns. Iso non quita que teña milleeeeeeeeiros de historias pra contar. Co tempo agardo podelas ir fiando, anque sexan pretéritas aínda pertencerán a este periplo.

6 comments:

Marla Singer said...

Esquecérame completamente!!!! Teño que deixar de varrer a cociña polas noites!! (habereivos de contar se todo vai mellor)

O de ter que facer que a persoa qe se cruza en medio de min e o meu acompañante faga o que se di é imposible. De seguro que moitas parellas se gañaron unha hostia!!

Como son unha ignorante, nunca escoitara o de que se prendes un cigarro cunha vela morre un mariñeiro, pero é o que máis me marcou de todo o que che contaron...(ademais dos inxustos e espallados prexuizos sobre os gatos, eses animais superiores...)

Teño ganas de verte!!!

O Raposo said...

O de que barrer pola noite trae mala sorte tamén o dí miña nai.
Parece que esta superstición está espallada por medio mundo.

busto.agolada said...

Amig@ blogueir@: Queremos informarte da Xuntanza de blogueiros que terá lugar en Agolada (Pontevedra) o día 31 de maio de 2008. Gustaríanos contar coa túa presenza.
Agradecémosche que lle deas publicidade ao evento desde a túa páxina. Se o tes a ben coloca o logo da xuntanza nun recanto do teu blog.
Para máis información:
http://blog-xuntanza.blogspot.com

Mario said...

Tamén está a de que se un neno pasa por debaixo das pernas doutra persoa (ou polo oco do seu corpo apoiado contra algo) deixa de medrar. Pódese desfacer o mal pasando marcha atrás. Esta non sei se é galega, brasileira ou só da miña casa (onde non somos especialmente altos, por certo).

E de mopunganita que?

(Cando veñas habemos facer unha esmorga tan grande que o Moderno acabará regalándoche os lentes ou algo así.)

paideleo said...

O bó de relacionarse con xente de todo o mundo é adquirir esa riqueza cultural.

Arale Norimaki said...

Marla, por probar que non sexa, a ver se todo vai mellor. O dos mariñeiros seica ten a sua orixe en que en temporadas de crise e baixo emprego os mariñeiros sobrevivian vendendo mistos, de ahi que se prescindes deles "mates un mariñeiro". Xa pronto estou por ali!!

Raposo, si, e ben curioso ver como moitas das supersticións que comentamos eran moi semellantes malia os miles de kms de distancia e a presunta distancia cultural.

Busto, obrigada polo convite, por esas datas xa estarei de volta pola vella europa, pero probablemente en latitudes bastante mais nordicas que Agolada, gracias de todolos xeitos.

Mario, vaia, non oira a das pernas...a ver se por iso crecin menos....
Mopunganita esta ben, queria sacala para Renn Fayre atada na cabeza pero temín que non volvería enteira ou que volveria azul, se queres levoa maña ao concerto mouchiano dos Therion, pra compensar, anque non me esta permitido sacar fotos ali. E probablemente este sabado faga a miña ultima escapada antes de deixar gringolandia, a ver se a fago lucir paisaxe. (Si! Esmorga! Esmorga!)

Paideleo, e unha gozada poder descubrir toda caste de historias e lendas compartindo un rutinario almorzo nun comedor aseptico, e ter tantas fontes de información ao alcance de todas as posibles preguntas.

Graciñas a todos pola visita malio abandonado do blog!